A NOSA HISTORIA

A Convivencia de Educación Infantil nas terras ourensás nace a partir das inquedanzas dun colectivo de ensinantes que participaron nun curso de intercambio de experiencias en educación infantil e primaria, no CEFORE do Barco de Valdeorras. Nel coincidiron un grupo de mestres/as vinculados/as por unha serie de intereses comúns, no eido da educación infantil. Destes intereses cómpre salientar algúns, como a importancia da titoría e da temática transversal, a importancia da dinamización das relacións entre os distintos sectores da comunidade educativa e o concepto desta e, por suposto, a consideración do neno ou da nena de educación infantil, e as consideracións destes nos seus contornos de referencia.

Estes/as nenos/as partían de contornos diferentes, pero presentaban necesidades semellantes. Dentro dos seus colexios as situacións curriculares eran parecidas; de feito, todos trataban o magosto, ou todos celebraban dalgún xeito o Día das Letras Galegas. Neste sentido, o currículo reproducía en cada centro o contexto escolar, e todos presentaban necesidades máis ou menos comúns nas súas aulas.

A idea deste grupo comezou a tomar corpo dunha maneira espontánea. Ó principio, a idea de organizar unha convivencia xorde como unha experiencia dun mestre que formaba parte do grupo.

Esta actividade provén de Estremadura, en concreto de Zafra, Badaxoz. Tamén xurdiu ó redor do que era, naqueles momentos, un centro de profesores (CEP), que hoxe en día se converteu, ó igual que na nosa comunidade, nun centro de formación e recursos (Cefore). En Estremadura, a Convivencia desenvolveuse dende o curso 1993-1994. No curso 1994-1995 participaron uns 1.500 nenos/as de educación infantil, número que foi aumentando nas seguintes convivencias.

Aquí, no noso país, a Convivencia comeza a ser ideada en xaneiro do 1997, ano no que pensamos seriamente na posibilidade de contar e de organiza-la nosa propia Convivencia. A actividade de Badaxoz era do agrado de todo o mundo, e nós non queriamos reproducila, senón máis ben recreala no noso contorno do sueste ourensán.

A Convivencia comeza a súa andaina atendendo a catro criterios básicos:

  •  A idea inicial de crear un día de excursión e festa con actividades propias para nenos/as de educación infantil, outorgándolle a ese deseño o carácter educativo e lúdico, e constructivo nun contorno determinado, no que os grandes protagonistas da actividade son os nenos de 3 a 6 anos.

  •  A reivindicación do tramo educativo de educación infantil, da profesionalidade dos/as mestres/as desta etapa e a importancia que ten o dito tramo dentro dos centros, no sistema educativo e para os/as cativos/as. Neste sentido, en moitos de nós estaba presente a idea e as referencias necesarias de certas imaxes que confunden unha concepción educativa cunha de carácter asistencial, que se resumen na desafortunada frase, en boca dalgunha xente: “e qué van facer con eses rapazolos, limpar mocos unicamente”. Neste sentido, o colectivo que comezou esta actividade e aqueles/as que se foron sumando, sempre foi consciente da necesidade de reivindica-lo carácter e a personalidade propia da etapa de infantil, e de contribuír a que a imaxe do profesorado de infantil sexa a dun profesional do ensino, na que quizais sexa a máis importante etapa na formación dunha persoa, en consonancia co disposto na Loxse.

  • A consideración do noso contorno.Nada é factible se non se ten en conta o escenario no que se vai desenvolver. Esta afirmación dota a nosa actividade de varias características propias que a diferenciaron do modelo estremeño. O noso contexto, polas circunstancias do relevo, polos agrupamentos das vilas e dos pobos, polas diferencias de actividades económicas, pola presencia de grupos étnicos, etc., presenta unha riqueza cultural que tiñamos que reverter no proceso educativo. Esta riqueza cultural foi considerada dende diferentes perspectivas: a enumeración de posibilidades, a recuperación cultural e etnográfica, a presencia do idioma e a potenciación da nosa lingua, os valores positivos de pertenza a unha cultura, e a pedagóxica de ofertar un amplo ámbito de experiencia dos/as nenos/as. Todo isto levounos a crear e a constituí-la itinerancia como unha característica fundamental da actividade. Cada ano tiña que ter lugar nun sitio distinto, o que nos garantía un principio de actividade para asociar cun centro de interese motivador. Por outra parte, viámo-la idea da itinerancia como unha posibilidade de levar ás zonas rurais unha actividade tipo, semellante ás que só se producen nas grandes vilas, co que produciamos ó noso xeito unha dinamización cultural dun día no lugar elixido. Ademais, a itinerancia supón que, ano tras ano, se produce unha acollida positiva polos concellos e polos colexios sedes da Convivencia

O derradeiro aspecto básico da Convivencia e dos procesos que activa é o concepto de comunidade educativa. Diciamos no proxecto da II Convivencia que a comunidade educativa non se circunscribe ó valado dun colexio. Unha das ideas fundamentais da Convivencia é a dinamización da comunidade educativa con maiúsculas. A comunidade educativa abrangue a pais e nais, nenos e nenas, institucións públicas e privadas, colaborando e traballando a prol dun proxecto común; e enténdese non como un só centro, senón como unha unión e harmonía da Convivencia, na que tódolos centros e persoas traballan nunha idea común. O valado dun colexio queda pequeno e sen significación ante esta idea. Cremos na práctica nesa comunidade educativa que, dinamizada, realiza actividades que permiten reunir en dous días de festa educativa uns cincuenta centros, uns 1.600 nenos/as, ó redor de 100 aulas de educación infantil, 700 adultos e ó redor de 140 mestres/as, que traballaron previamente co seu alumnado unha unidade didáctica, como a que a seguir presentaremos, e que participan nos deseños dos obradoiros, dos xogos e dos contacontos deseñados para a dita actividade.

A medida que se foi avanzando na experiencia e no deseño da actividade, foron cobraron importancia os seguintes aspectos:

  • Os temas transversais. Estes poden constituí-los eixes que orienten calquera currículo e, especialmente, o de educación infantil. E a súa importancia debe ser tida moi en conta no deseño das unidades didácticas.
  • A función titorial. O titor ou a titora son pezas imprescindibles no desenvolvemento do neno e da nena. Dende a Convivencia poténciase un modelo de titoría activa que estimula as relacións entre os pais e a escola ou o mestre, o que posibilita e favorece o traballo en equipo.

Nuns primeiros momentos, cando lembrámo-la I Convivencia, aínda sentímo-lo medo e preséntansenos dúbidas do tipo: ¿e sairá todo ben? ¿e se chove que facemos? ¿non se andará mancando un neno/a?, e se se nos manca, ¿que facemos?… Dúbidas que se van repetindo cada ano. Tamén se repiten xuntanzas que che fan pensar que isto é interminable, pero cando chega o día da Convivencia e ve-la faciana dos/as nenos/as, cando ve-los seus debuxos de Cholo o Nela dous meses despois e á volta do verán, pensas: ¿e este ano onde e sobre que a faremos? A Convivencia de Educación Infantil ten hoxe sete anos de existencia no leste ourensán, ten algúns hábitos adquiridos e outros aínda por adquirir, pero foi medrando ós poucos coma un neno ou unha nena. Cando te decates xa lle andarán a cae-los dentes, ¿igual é o momento de lle traer outras irmás?… Esta é unha posibilidade que lanzamos e á que convidamos a calquera interesada ou interesado en coñecela.

Para rematar, diremos brevemente en qué consiste a nosa actividade. Como profesionais do ensino cremos nunha escola aberta á sociedade e dinamizadora desta, unha escola que é parte desa sociedade e que debe contribuír decididamente á súa construcción. ¿Que e a Convivencia de Educación infantil?

  • Nunha primeira resposta poderiamos dicir que:

A Convivencia de Educación Infantil é un día de festa para os /as nenos/as participantes, na que se implica toda a comunidade educativa á que pertencen eses/as nenos/as, cun definido carácter educativo e cunha personalidade propia.

  • Nunha segunda resposta diriamos:

Que a Convivencia de Educación Infantil ten o seu punto máximo nese día de festa, como remate dunha serie de procesos que se inician nos comezos de cada curso e que entraña unha serie de traballos sistemáticos e en equipo a distintos niveis e dende distintos grupos (mestres/as, pais/nais…) que significan crear, realizar, coordinar unha serie de procesos educativos e formativos que están a dinamiza-las aulas de educación infantil das nosas bisbarras cunha continuidade no tempo. Neste sentido, a Convivencia de Educación Infantil poderíase definir como a dinámica da comunidade educativa participante, pois é o motor dunha serie de procesos dentro do eido educativo da educación infantil nunha realidade determinada e que afecta a distintos colectivos, como son os pais e as nais, as mestras e os mestres e os nenos e as nenas, así como diversas institucións públicas e privadas. Estes procesos supoñen formación, investigación na acción e desenvolvemento da función titorial, así como da transversalidade. Dentro desta complexidade, esta actividade sempre vai ir asociada a un carácter de mellora e, en consecuencia, a un proceso optimizador.

Un comentario en “A NOSA HISTORIA”

  1. TEMOS ALGUNHAS FOTOS DE FEIRAS QUE TROUXERON OS/AS NENOS/AS, PERO NON LEMBRAMOS A QUE ENDEREZO AS TIÑAMOS QUE ENVIAR OU ONDE AS TIÑAMOS QUE ACHEGAR!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s